Non sei debuxar

June 26, 2017

Hai afirmacións acerca de nós mesmos que cremos de verdade. Por exemplo: eu estou convencido de que se me dá mal debuxar. Pinto de pena. De verdade cho digo. Polo tanto, sorpréndeme que últimamente me chegaran un par de encargos para facer láminas. Debuxar cousas de verdade, non en plan abstracto. Estou abraiado.

Ha de ser un exemplo práctico diso que sempre me dí N. sobre a percepción que temos dun mesmo. A ver se me acordo: o que me conta é que nos movemos entre unha imaxe que temos de nós (o ‘Eu idea’) e unha imaxe idílica do que nos gustaría ser (o ‘Eu ideal’). A nosa vida transcorre tentando superar a primeira imaxe (que soe ser moito máis negativa que a realidade) e tratando de alcanzar a segunda (que, como o seu nome indica, é ideal, idílica, inalcanzable). Polo visto iso é unha grande causa de frustración para a xente. Pola miña experiencia, tendo a concordar.

O problema destes dous ‘Eu’, é que son os dous mentiras. Por unha banda o ‘Eu ideal’ é unha proxección do que consideramos bo e desexable, e mesmo ás veces das cousas que outra xente considera bo e desexable, e que nos veñen inculcando dende pequenos, sen nós cuestionarnos nada. É, por definición, un listón demasiado alto, e se non nos preguntamos por qué queremos chegar a el, sempre acabaremos afuciñando aos pés dese ‘Eu’.

Pero o que me interesa máis neste momento é o outro. O ‘Eu idea’ é o que pensamos de nós mesmos se nos piden ser sinceros. E normalmente é un espello moi deformado, por suposto cara a peor. Por qué pasa isto sería un tema moi longo para tratar aquí, pero sucede. Acórdate deses exercicios nos que piden que penses nos teus defectos e as túas virtudes… a que atopas os defectos primeiro, e para rematala, con ben pouco esforzo?

A miña historia co debuxo. As tres mortes do meu ‘Eu idea’

No meu caso, querer debuxar ben sempre foi parte do meu ‘Eu ideal’. E por suposto, a miña historia cos lápices está sendo unha batalla cunha preconcepción que teño: a da miña incapacidade para facer liñas con xeito.

A primeira axuda chegoume pola vía da tecnoloxía. No último ano de carreira tiven a sorte de participar nun proxecto multimedia cun recoñecido profesional da infografía: Alberto Cairo. Alberto contoume un segredo: Hai infografistas que teñen talento para o debuxo… e logo estamos o resto de nós, que utilizamos a técnica da rotoscopia. Vamos, o que toda a vida foi calcar, pero simplificado ao máximo polos programas de ordenador. Algo fixo ‘clic’ en mín aquel día. Podía utilizar un arsenal de recursos inmenso para crear debuxos bonitos! Ou polo menos pasables! Aquilo foi unha grande axuda para os meus primeiros anos como profesional, xornalista, fotógrafo, infografista e o que se terciase na redacción.

Despois chegou Polonia. Fixen un voluntariado nun centro de día para nenos. O meu compañeiro, un rapaz italiano, tiña experiencia como tatuador. E os nenos pedíanlle unha e outra vez debuxos: un dragón! Un león! Un futbolista do Lechia Gdańsk! E claro. Na mente infantil os límites non existen. Se un voluntario sabe debuxar, por lóxica, o outro tamén tén que saber. Naquel momento empecei a perder o medo ao ridículo… total, mellor que un neno de 8 anos si que debuxaba…

Á volta, o tema foi quedando aparcado na miña vida ata que, un par de anos despois, tiven que ilustrar un libro. Así de repente, porque non había ningúen máis que o fixese. Foi un proxecto con nenos e xente maior, feito con moito cariño e grandes doses de procastinación pola miña parte. Pero descubrín o importante que é que crean nun, e ao final, saiu unha cousa bonita. Mellorable, si, pero bonita. Este paxariño foi unha das ilustracións do libro:

Ilustración do paxariño

E así, pouco a pouco, fun creando un estilo propio, baseado en esbozos e liñas curtas porque non sei facer unha liña longa dereita anque a miña vida dependese diso. Isoutro día pedíronme que buscase unha ilustración e a imprimise, dunha furgona Volkswagen, e o que me saiu foi… e por qué non debuxala? Unha tarde de traballo. E quedou chusquiña. Despois E. deulle o toque final cos lápices de cores. Foi un bó traballo en equipo, e divertido.

Ilustración da furgoneta Volkswagen

Aquí o resultado final, cun pouco de caligrafía de propina. No debuxo, as liñas de arriba conectan cuns globos que a xente pinta cos dedos, é unha cousa moderna e participativa que disque está de moda nos cumples e nas vodas.

E nas comuñóns, polo visto, porque xa teño outro encargo. Vou ter que alterar a miña visión de mín mesmo… non serei Rembrandt, pero igual algunhas cousas si as sei debuxar.