Necesidade, erro e oportunidade. Apuntes sobre escribir un blog

June 7, 2017

Quizais esta sexa a cuarta ou quinta ocasión en que me plantexo escribir un blog, deixar que os meus pensamentos se perdan, ou se atopen, na vasta Internet. É un contrasentido curioso, o de facer pública unha idea, e ao mesmo tempo, escondela no océano de palabras que é a rede. Sen ningún tipo de publicidade, será unha completa casualidade que alguén máis ca mín, ou as persoas máis próximas, lean algunha vez estes textos.

Hoxe quero matinar acerca de por qué nunca antes conseguín manter unha certa continuidade, máis aló de dous ou tres posts. E por qué agora xa vai ser distinto. Un par de pequenas cousas cambiaron, pequenos inmensos detalles. Poñer por escrito as miñas reflexións, e contar como atopei o que funcionaba para mín quizais che poida axudar a tí, inesperado lector, inesperada lectora, se por unha casualidade aínda maior, te atopares na mesma encrucillada ca mín. Imos aló.

Primeiro paso: a necesidade

Hai un dito da cultura moderna que dí que cando queiras inventar algo, tés que rascar nalgo que che próa a tí. Funciona para os inventores, para os guionistas, os emprendedores e, fíxate tí, para os blogueiros.

A teima de escribir non a teño de sempre. Ou, mellor dito, non sempre foi sinceira. Como lector compulsivo dende a infancia, e posterior estudante de xornalismo, tiña unha impresión idealizada do que é o acto de escribir. Parecíame unha cousa ‘cool’, que colocaría sobre mín unha capa de misterio, de persoa interesante…

O malo do tema é que o feito de sentarme a xuntar letras non se me daba demasiado ben, custábame un montón, as asignaturas de escrita na facultade aburríanme, era o máis lento do curso tecleando na computadora, e o peor de todo, por máis que explorase os meus pensamentos, non se me ocorría nada que contar que non fose un completo cliché. Dábanme envexa as compañeiras poetas, que sabían poñer en palabras un sentimento. Por dar, dábame envexa calquera que puidese redactar unha noticia que non producise bocexos ao lela completa. Nun momento de lucidez xuvenil decidín que estas cousas veñen soas, e que nalgún momento a madurez e a experiencia me ensinarían qué escribir. Mentres tanto, a redactar notas de prensa e non amargarme moito co tema.

E xa agora, durante os últimos anos, de distintas formas, funme dando conta de volvía estar ahí a necesidade de contar historias, e que non estaba atopando unha saída adecuada. Hai xa anos que non exerzo de xornalista. Pero por cousas de traballo, de vez en cando tiña que facer pequenos textos comerciais, descriptivos, nos que non podía evitar meter pequenas historias, contar non só o “Que”, senon o “Por que” das cousas. E a veces mesmo o “Cando” e o “Como”!

Eses textos gustaban, dende un punto de vista comercial humanizaban os productos. Porque as persoas precisamos das historias, alimentámonos delas, non se nos poden dar só datos e gráficas. Sería como tratar de calmar a fame con pastillas alimenticias. Algo se perde.

E quen tivese a oportunidade de intercambiar mails comigo, seguro que recoñece a miña tendencia a contestar correos dunha liña con ‘testamentos’ de sete ou oito párrafos. Por certo, o dos mails dunha liña tardei en comprendelo, ata que me decatei de que a xente de agora tende a despachar a caixa de correo dende o smartphone, en vez de usar a comodidade do teclado. Hai pouco que me fixen cun deses cacharros e caín da burra!

Tamén sucede que… seguro que a tí tamén che pasa! Cando revives algún acontecemento do día na túa cabeza, non o fas como se llo estiveses contando a outra persoa? Por escrito ou de palabra? A mín pásanme as dúas, parece que a miña mente me pide que lle adique máis esforzo a transmitir as cousas que aprendo, que continúe o fluxo de coñecemento, que non quede todo pechado en mín. O que me próe a mín é escribir, e ensinar o que fun aprendendo.

Malas estratexias, boas estratexias

Unha vez que recoñecemos o mal, o que segue é poñerlle cura. Abrir un wordpress ou blogger é sinxelo, clic, clic, escribir correo, contrasinal, clic, clic, xa está. E de qué vou escribir? Aquí comezaron as miñas primeiras decisións erróneas.

Teño que confesar que leo un montón de blogs en inglés dos modernos “nómadas dixitais”. Xa sabedes, mozos e mozas que viaxan incansablemente, que atopan forma de gañar a vida escribindo para distintas publicacións, dando charlas, deseñando webs, vivindo co que lles colle nunha mochila pequena. É unha aproximación moi atractiva, e, posto que me colleu nunha época viaxeira, matinei que me podía apuntar ao carro.

Comigo non funcionou, en parte porque son un procastinador compulsivo, en parte pola presión de sacar textos ‘perfectos’. En parte porque a miña vida igual non era tan interesante, e adornala para aparecer na web parecíame falto de ética, e falar de nimiedades non vende. O problema de fondo é que quería facer dúas cousas ao mesmo tempo: sacar fóra o que teño dentro, escribir do que me apetece, pero que tamén fose comercial. Quería escribir cousas tan persoais que mellor que non lese ninguén, pero ao mesmo tempo crear unha plataforma online comercial, que funcionaría mellor cantos máis lectores houbese. E así non se pode.

Outra das decisións malas que iso conleva é a língua. Non me plantexaba usar outra que non fose o inglés, por unha cuestión de mercado: é centos de veces maior, con respecto ao galego. Vas vendo o problema? Estamos tan afeitos xa a que se nos trate coma consumidores, incluso por parte dos blogueiros máis ‘alternativos’ (i llelo perdoamos porque nolo confesan abertamente), que xa nin nos molesta… pero cómo falarche de corazón, se penso en tí coma un cliente? Había un runrún de fondo, ademais, acerca da ética de predicar sobre unha vida plena e ao mesmo tempo gañar diñeiro coa industria do ocio, que precisamente está pensada para encadear a xente á vida que se espera deles, quietiños e calados. E quen me diga que facer diñeiro en Youtube non fai dano a ninguén, inda non entendeu como funciona o asunto.

A liberación de simplemente escribir

Tratar de combinar a arela de escribir coa necesidade de crear clientes e gañar diñeiro estaba a xerarme unha dobre frustración: nin resolvía a primeira necesidade, nin a segunda. A miña solución veume das matemáticas: divide e vencerás.

Non, non me estou quedando contigo, nin é un chiste malo. Unha grande lección que aprendín traballando nun xornal dixital, man a man con informáticos (onde moitos chegan polo camiño das matemáticas) foi esta:

“Divide os problemas en partes cada vez máis miúdas, ata que poidas atopar a solución individual a cada unha desas partes”

Se a semana pasada che comentaba que unha das miñas máximas é “usa o que tés”, outra delas é “divide e vencerás”. Neste caso, a opción clara era crear un espazo onde puidese darlle renda solta á miña paixón por contar historias, ou sexa, este blog. Que sí, que aínda estou algo oxidado, que tendo a facer textos longos, xa irei mellorando, non teño presión ningunha. E foi un inmenso alivio ter esta canle de expresión.

O segundo problema, o de xerar unha vía de ingresos non a resolvín aínda. Pero agora é un problema máis pequeno do que era antes. Ademais, un detalle do que falaremos outro día: veño pensando que o de ter unha forma de ingresos a través de Internet, que é un xeito ‘cool’ de gañarse a vida, é en grande parte unha proxección do meu ‘eu ideal’, que dí a miña amiga N., da forma en que me gustaría que os outros me visen. Unha fantasía que me está a limitar, vamos. Quizais afonde máis nisto outro día, inda non cheguei a conclusións definitivas co tema.

Un cuarto de meu

Como nota final, tamén teño que dicir que atopei a famosa “habitación propia”, o espazo no que poder escribir sen distraccións. Xa che dixen que son un procastinador nato, así que preciso dun lugar sen Internet, sen moito onde deixar vagar a mente. Ese lugar é a miña aldea, onde a conexión é tan mala que o pincho 4G non rula, onde escribo nun portátil de hai dez anos coa tarxeta de son estropeada, o que me impide ver pelis, con pouco espazo no disco duro, polo que non podo enchelo de morralla, e cun teclado marabilloso. Queda pendente unha review :D

O espazo non me serve para todo o que querería facer, pois só veño día e medio para a semana, e unha parte do tempo pásoa fóra facendo labores de limpeza, coas abellas… pero para o blog vai moi ben, pois me deixa o resto da semana para imaxinar un tema do que escribir, e podo poñerme no teclado nos momentos libres para plasmalo no editor de texto. Con certa sorpresa, descubrín que como rutina, funciona xenial.

E creo que por hoxe xa dixen o que tiña que dicir. Probablemente máis adiante comece a darlle un repaso aos futuros artigos, para que queden máis curtos e precisos. Ese proceso de edición é un paso moi importante para mellorar nisto de xuntar letras. O caso é que polo momento o que me apetece é que os artigos queden tal e como me van saíndo da cachola. E sabes qué? Que podo facelo, porque, para o meu inmenso alivio e saúde mental, non teñen que ser perfectos.

Graciñas por ler ata aquí :)